mércores, 10 de xuño de 2020




👉👉Coñece a Formación Profesional:




Cales son os réximes e as modalidades nos estudos de FP? 

Onde podo consultar os prazos de admisión?

Como é o prazo de admisión e matrícula? 

*Información do portal da Consellería de Educación a data 10/06/20 

👇👇👀

Actualmente, a Formación Profesional pódese cursar por curso completo no réxime ordinario, na modalidade presencial –asistindo diariamente ao centro formativo– ou de xeito parcial por módulos formativos no réxime de persoas adultas, nas modalidades tanto presencial como a distancia.

A matrícula parcial por módulos permite que cada persoa deseñe o seu itinerario formativo en función da súa actividade laboral, das cargas familiares ou doutras actividades, respondendo así ás necesidades e aos intereses persoais ao longo da vida.
Para realizar a matricula no réxime de persoas adultas é preciso ter cumpridos os 18 anos no ano natural no que se inicien os estudos.

As ensinanzas de formación profesional conducentes á obtención dos títulos de técnico e de técnico superior están organizadas en ciclos formativos de grao medio e de grao superior, respectivamente

Para realizar estudos nos centros docentes sostidos con fondos públicos é necesario, ademais de cumprir os requisitos de acceso, participar nun proceso de admisión.

Este proceso establece un sistema de prioridades na adxudicación de prazas para cada centro educativo e para cada ciclo formativo (e, de ser o caso, de cada módulo profesional), así como os prazos de presentación de solicitudes e de formalización da matrícula.

Cando comece o prazo de admisión, poderás consultar os pasos a seguir para participar no proceso de admisión a ciclos no Portal de Edu Xunta -- http://www.edu.xunta.gal/fp/

Réxime ordinario
Este réxime está organizado en dous cursos en quendas de mañá e tarde, segundo o horario establecido polo centro educativo
A asistencia ás clases é obrigatoria.
O alumnado que estea en condicións de pasar ao segundo curso ou teña que repetir o curso deberá realizar unha solicitude de admisión. Terá a praza garantida sempre que o curse no ano seguinte e por primeira vez no mesmo centro e ciclo.

Réxime para as persoas adultas na modalidade presencial

Este réxime está organizado en módulos que se imparten ao longo dos tres trimestres do curso.
A xornada lectiva desenvólvese polo xeral en quenda de tarde-noite.
A asistencia ás clases é obrigatoria.
Nos módulos de ciclos LOE asociados a unidades de competencia o alumnado pode matricularse sen cumprir requisitos de acceso sempre que acredite dous anos de experiencia laboral no ámbito da familia profesional do ciclo formativo.
Para a obtención do título será preciso ter os requisitos de acceso e superar todos os módulos do ciclo formativo.
Cada curso haberá que facer unha nova solicitude de admisión. Aínda que a praza non está garantida, cada módulo superado incrementa a puntuación de participación no proceso de admisión.

Réxime para as persoas adultas na modalidade semipresencial ou a distancia

Este réxime está organizado en módulos que se imparten ao longo dos tres trimestres do curso.
A asistencia ás titorías e outros eventos formativos presenciais é recomendable, pero non obrigatoria.

Si é obrigatoria a asistencia as actividades de avaliación de cada trimestre. Para a realización das actividades a distancia seguiranse as instrucións do titor/a do curso.
Para a obtención do título será preciso ter os requisitos de acceso e superar todos os módulos do ciclo formativo.

Nos módulos de ciclos LOE asociados a unidades de competencia o alumnado pode matricularse sen cumprir requisitos de acceso sempre que acredite dous anos de experiencia laboral no ámbito da familia profesional do ciclo formativo e existan prazas vacantes ao final do proceso.
Cada curso haberá que facer unha nova solicitude de admisión. A praza non está garantida, aínda que cada módulo superado incrementa a puntuación de participación no proceso de admisión.


Lembre que a normativa sempre prevalece sobre calquera outra información. Esta páxina contén información de carácter xeral extraída da normativa, polo que calquera dúbida ou contradición se resolverá atendendo á normativa vixente (acceso a normativa de admisión).






Para información sobre a nosa oferta educativa ou para calquera dúbida podes escribir a:
📧 orientacioniesvilamarin@gmail.com


Saúdos!! 🙋